Localización
Este gravado rupestre de recente descuberta e divulgación encóntrase no barrio da Gándara, na parroquia do Viso. No mapa seguinte, que se pode achegar ou afastar para ver mellor a localización, vese o lugar en que se atopa.
Quen quixer abrir a localización directamente en Google Maps pode premer nesta ligazón.
O acceso a este gravado é bastante doado, xa que se atopa ao carón dun camiño, moi preto dunha vivenda. Ao pasar a vivenda, veremos no outro lado do camiño un pequeno promontorio rochoso.
ATENCIÓN!
Os gravados rupestres non se deben pisar nunca.
Tampouco se deben tocar con ningún tipo de obxecto, xa que se poden deteriorar con facilidade ou modificar a súa forma.
Os petróglifos son obras de arte gravadas na pedra hai milleiros de anos. O seu significado segue a ser un enigma para nós e debemos respectalos e preservalos con todo coidado.
Pisar un gravado rupestre ou tocalo con calquera obxecto (pau, pedra, xiz…) prodúcelle o mesmo dano que se o fixésemos con calquera obra de arte que tanto valoramos nos museos e galerías.
Temos a sorte e o privilexio de que Galicia sexa toda ela unha gran galería de arte ao aire libre formada por milleiros de obras artísticas en forma de gravados que decoran as rochas dos nosos montes.
Descrición
Lonxitude da rocha:
Anchura máxima:
Anchura mínima:
Na imaxe observamos dúas zonas diferenciadas:
Zona 1
Unha primeira zona aproveita as protuberancias e caídas da rocha para recrear tres figuras formadas por círculos concéntricos que descenden pola suave caída da rocha.
Figura 1: A figura gravada na parte exterior da pedra está formada por nove liñas circulares concéntricas incompletas, excepto os dous primeiros círculos, que están completos. O primeiro círculo concéntrico sitúase na protuberancia da rocha e presenta unha coviña central. Desde esta coviña central descende un suco que atravesa as nove liñas circulares.
Figura 2: A figura que está situada no medio esta formada por seis liñas circulares concéntricas incompletas, enmarcadas por unha liña ovalada que abrangue toda a figura. Os dous primeiros círculos están completos. O primeiro círculo concéntrico está tamén na protuberancia da pedra e posúe unha coviña central.
Figura 3: A terceira figura está formada por, cando menos, cinco círculos, os dous primeiros completos e os demais incompletos. Parten, tamén dunha protuberancia que presenta a rocha e vanse estendendo en descenso pola caída da pedra.
Figura 4: Asociada á figura anterior temos outra máis pequena que se estende en dirección contraria ás tres anteriores, en descenso pola outra caída da rocha. Presenta un círculo completo. Está atravesado por un suco que se une con outro exterior en descenso pola caída da rocha. Ten unha coviña no seu interior, non central, e outra coviña máis grande que está situada entre os círculos das dúas figuras asociadas.
Zona 2
Unha segunda zona da rocha presenta unha parte superior máis plana e sobre ela dispuxéronse case todas as figuras. Se observamos con algo máis de detalle, podemos dividila, á súa vez, noutras dúas subzonas.
A subzona dereita da imaxe está formada principalmente por coviñas: cinco na parte superior e unhas dez coviñas na parte inferior da imaxe, todas elas de diferentes tamaños e distribución, segundo se pode apreciar.
Tamén podemos ver un círculo cunha coviña central na parte superior da imaxe da que parte unha liña sinuosa que percorre esta zona da rocha ata rematar noutro círculo con coviña central na parte inferior da imaxe.
Na subzona esquerda da imaxe destacan, principalmente, os círculos concéntricos. O da parte superior da imaxe presenta tres formas circulares con coviña central e pequenos sucos entre os círculos. O da parte inferior só presenta un círculo con coviña central.
Ao redor das dúas figuras circulares podemos contar unhas oito coviñas espalladas por diferentes lugares, á parte das dúas coviñas centrais.

A datación destes gravados resulta difícil de precisar. A asignación máis común é situalos na Idade do Bronce (entre o segundo e terceiro milenio antes da nosa era). Hai investigadores que espallan a realización dos gravados galaicos en tres períodos diferentes: Neolítico, Idade do Bronce e Idade do Ferro. Isto abranguería arredor de catro mil anos de representacións continuas nas rochas. Un estudoso dos gravados galaicos, Manuel Santos Estévez, pertencente a un grupo de investigación da sociedade na prehistoria, do CSIC, postula que “os petróglifos máis antigos [neolíticos] presentan, case exclusivamente, deseños xeométricos e predominantemente circulares: coviñas, círculos concéntricos, círculos encerrando coviñas, óvalos e sucos sinuosos”. Engade, ademais, que “a este período lle corresponden paneis predominantemente horizontais”, con aproveitamento “das formas naturais do soporte como protuberancias, pías, gretas etc.” como é o caso desta rocha que temos na Gándara, na que os tres círculos concéntricos máis grandes aproveitan tres protuberancias para marcaren o inicio das figuras que van descendendo en círculos concétricos ao seu redor..
De acordo con esta descrición, poderiamos atribuírlle a estes gravados unha antigüidade superior aos cinco mil anos, situándoos na época do Neolítico.