Podemos entender que para un lado e outro desta porta discorría a antiga muralla que envolvía o centro histórico. Cara ao oeste desapareceu baixo as novas edificacións, mais cara ao leste aínda se conserva parte do lenzo da muralla, subindo pola rúa Telmo Bernárdez, quizais non orixinal na súa totalidade.
PORTAS DA VILA
En total había seis portas ao longo do perímetro da muralla.
PORTA DA VILA: situada ao norte, fronte a entrada do barrio da Farrapada, como xa describimos antes. Era a saída norte da vila, o antigo Camiño Real que nos leva para Santiago. Hoxe en día dá acceso á rúa Isidoro Queimaliños e ten a súa saída no outro extremo pola antiga porta do Val, ao carón da actual casa da Torre.
PORTA DO ESTALEIRO: está orientada cara ao oeste, onde remata a rúa Reveriano Soutullo na súa confluencia coa praza da Constitución. Esta praza, na antigüidade tamén se chamou praza do Estaleiro.
Entrando por esta porta e percorrendo a actual rúa de Reveriano Soutullo chegariamos á outra antiga porta no extremo oposto denominada porta do Ribeiro.
PORTA DO MEIXÓN FRÍO: situada tamén ao oeste da vila, ao final da rúa do Meixón Frío, na confluencia coas escaleiras que soben a Reveriano Soutullo. Esta porta sairía directamente á ribeira e a Xunqueira.
Cara ao Sur daban dúas portas paralelas:
PORTA DO RIBEIRO: estaba situada na actual praza de Alejandro Otero, na entrada á rúa de Reveriano Soutullo. A súa denominación seguramente tiña que ver coa entrada do camiño que comunicaba coa bisbarra do Ribeiro, polo tradicional comercio de viño que se daba con esa rica zona vinícola.
PORTA DO VAL: antigamente estaría situada na praza que hai diante da casa da Torre. Comunicaría directamente co camiño que viña de Portugal, por onde hoxe entran na vila os peregrinos do Camiño Portugués de Santiago.
PORTA DA PRAZA DA ALFÓNDEGA (antes no existía a nova urbanización da rúa do Figueiral que oculta a perspectiva do que foi esta porta, que daba directamente a unha praza), que sería a entrada natural na vila desde Quintela e Reboreda. Aínda hoxe podemos observar por entre os novos edificios o antigo camiño que comunica directamente coa ponte sobre o río Alvedosa.
MURALLA
Non se coñece con certeza cando se construíu a muralla da vila. Foi sobrevivindo ata que os posteriores desenvolvementos urbanos foron ocupando o seu lugar.
Reproducimos aquí unha reconstrución hipotética do perímetro da muralla que envolvía a vila.
Unha parte do lenzo orixinal poderemos vela detrás da igrexa de Redondela, na rúa do Figueiral durante este percorrido.
As vivendas que se construíron ao longo da rúa do Meixón Frío están levantadas sobre o que foi o percorrido da muralla neste lugar.
INTRAMUROS
Rúas principais que atravesan o barrio histórico:
A rúa de Isidoro Queimaliños (antiga rúa do Val), desde a porta da Vila (ao norte) ata a porta do Val (ao sur).
Paralela a esta temos, polo oeste, a actual rúa de Reveriano Soutullo (antiga rúa do Ribeiro), que comunicaba as portas do Estaleiro e do Ribeiro; e a rúa do Adro, polo leste, que chega ata a antiga porta da Alfóndega.