Patrimonio cultural e lingua

Praza da Alfóndega

Redondela, Redondela

En Redondela adoita pronunciarse tamén como praza da Alfóndiga.

A palabra alfóndega refírese aos establecementos ou espazos públicos dedicados á compra e venda de cereais (millo, trigo, palla…). Juan Migueles conta que nestas praza “Na primeira metade do s. XX existía unha cubrición con tella do país e estrutura de madeira. Debaixo montábanse os postos de venda”. 

Nunha recente remodelación da praza para darlle o aspecto que ten na actualidade engadiuse tamén o cruceiro moderno que vemos no seu centro.

Por un dos laterais desta praza pasa a rúa da Herba, que fai referencia tamén á venda de sementes que se realizaba aquí para os campos das casas dos arredores da vila.

Vendedoras de sementes na antiga rúa da Herba


Unha das vivendas que fai esquina coa rúa da Herba chámase A Casa da Herba, hoxe albergue de peregrinos. A xente das aldeas gardaba nesta casa a herba que poñía á venda nesa rúa.

A antiga Casa da Herba, actual albergue

Xa nunhas ordenanzas municipais de 1605 “se establecía que os cereais se almacenarían e distribuirían na Alfóndega para a súa posterior venda polo miúdo por mercadores e tendeiros”.

Por outra parte, decatémonos tamén de que nesta praza estaba unha das seis portas de entrada á vila amurallada, na zona que dá para onde está o río Alvedosa, xunta as escaleiras que se ven nun dos laterais. Resulta curioso que é a única entrada na vila que, ao atravesarmos a súa porta, dabamos directamente a unha praza, un lugar onde ademais se vendían os produtos que se producían nas casas labregas e as sementes que se precisaban para renovar os cultivos. Debeu ser unha estampa moi fermosa a que se podería contemplar naqueles tempos da vila intramuros.


Fonte de información:

Anecdotario Redondelán

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural