Patrimonio cultural e lingua

Praza da Constitución de 1812

Redondela, Redondela

Antigamente chamábase praza do Estaleiro, xa que o mar chegaba ata este lugar e aquí habería naquel tempo un estaleiro, como o seu nome indicaba. Na pequena baixada pola que chegamos a esta praza estaba a antiga porta do Estaleiro, cando a vila estaba rodeada e cerrada por unha muralla.

O antigo porto de Redondela chegaba ata os pés desta praza nas crecidas das mareas, tal como pode apreciarse nas imaxes antigas da vila.

Ata non hai moitos anos, esta praza conservaba fermosos edificios vilegos que as familias podentes promoveron nesta nova zona de extramuros da vila. Hoxe en día, quedan poucos exemplos desa arquitectura vilega tradicional que tanto embeleceu este espazo urbano. Imos amosar algúns.

Como exemplos temos a casa da familia Otero Milleiro, cunha planta baixa na que destacan os arcos de medio punto sobre os vans, decorados con forxa, deixando entrar máis luz no interior. As plantas superiores alternan os balcóns individuais no primeiro andar e o balcón corrido piso superior. O forxado dos balcóns, xunto coa combinación de cores entre a pedra e a carpintería de portas e xanelas proporcionan un gran atractivo a esta fachada.

Outro dos exemplos é o edificio que fai esquina a continuación do anterior. Un edificio de dúas alturas no que destacan os dous inmensos balcóns corridos ocupando as dúas fachadas. Na decoración deste edificio chaman a atención as decoracións arredor dos vans de todas as portas da primeira planta con formas de orellóns. Ao seu carón está o edifico do antigo cárcere de Redondela.

Outra fachada atractiva que se conserva nesta praza é a do edificio que ten baixo e tres alturas, a superior de inferior tamaño pero con balcón corrido redondeado nos extremos. Un edificio de porte burgués cunha elegante fronte que combina o equilibrio de formas e decoracións: balcóns alternos simples e corridos e arcos redondeados rebaixados con diferentes formas nas distintas plantas. A fachada lateral presenta unha gran galería acristalada dobre planta.

Detrás do edificio anterior encóntrase un fermoso exemplo de arquitectura ecléctica do ano 1889, segundo figura na porta anexa do antigo patio desta vivenda. Toda a fachada presenta a pedra labrada con almofadados, mesmo con formas de liñas oblicuas unindo os arcos dos vans. A fachada conta con catro portas con arcos de medio punto sobre elas. Os linteis das portas están formados por un friso moldurado corrido ao longo da fachada, unindo todos os vans.

O primeiro andar posúe catro balcóns de fermosa forxa con cadansúa porta. Estas portas repiten o mesmo esquema ca as da planta baixa: linteis formando un friso moldurado corrido ao longo da fachada, rematados con catro arcos de medio punto por encima. A clave destes arcos tamén está labrada. A planta superior conta cun gran balcón corrido ocupando toda a fachada co mesmo forxado ca os balcóns da planta inferior. Toda a fachada amosa unha exuberante e elegante decoración sen deixar ningún espazo exento.

Na praza tamén podemos contemplar unha parella escultórica do prestixioso artista Acisclo Manzano, que representa o baile das Penlas, unha das escenografías máis populares e emblemáticas das festas do Copus da vila. Esta praza é o lugar de representación da danza que máis público reúne para contemplar este evento tan esperado cada ano. Foron realizadas en bronce e teñen unha altura de dous metros e medio e un peso de catrocentos quilos.

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural