Na Idade Media existiu aquí unha ponte que atravesaba o río e que comunicaba coa Vilavella. Temos que imaxinar a beleza deste lugar, por onde discorría o río Alvedosa libremente, atravesado por unha das clásicas pontes medievais de arco alombado. A un lado a muralla da vila coas dúas portas que daban a esta ponte (a porta do val e a porta do Ribeiro); ao outro lado da ponte apenas existiría algunha edificación extramuros e o camiño que discorría ata Vilavella e proseguía por todo o val do río Maceiras.
O río Alvedosa dividía, entón, Vilavova (o centro histórico amurallado) de Vilavella, a onde nos dirixiremos a continuación para proseguirmos coa nosa visita.
Esta ponte non só comunicaba as dúas vilas, senón que ademais era o punto de saída para as terras do río Maceiras e a comunicación directa a través do val cos concellos de Mos e O Porriño.
Que unha das portas da vila que dá a esta praza se chame porta do Ribeiro, fainos pensar na posibilidade dos transportes de viño que se moverían con aquela zona de rica produción vinícola.
Nas fotos máis antigas que conservamos do que hoxe é a praza da Farola, apréciase o protagonismo do río alvedosa atravesado por dúas pontes: a primeira, a que comunicaba con Reboreda e Quintela; a segunda, a que comunicaba con Vilavella.
A Farola como lugar de representación da festa do Corpus
Na actualidade esta praza é un bulicio de coches que se moven polo centro da vila. Mais tamén é un lugar de especial celebración durante as festas do Corpus, tamén chamadas da Coca. Cando a Virxe da Gabacha é trasladada dende a igrexa do convento de Vilavella para reunirse coa imaxe do santo Cristo na igrexa de Redondela para a posterior procesión pola vila, faise aquí unha parada moi vistosa para amosarlle a devoción a esta Virxe a través da música e a danza.
A Virxe da Gabacha
Gabacha, do verbo gabar, expresar admiración, representa a imaxe dunha virxe fermosamente vestida e decorada, que é exhibida pola vila desde a igrexa do convento de Vilavella ata a igrexa parroquial da vila o día do Corpus, acompañada pola danza das espadas e as Penlas, que bailan xuntos para ela nas diferentes paradas do percorrido. A parada máis esperada e multitudinaria nestes traslado é esta da praza da Farola.
A Coca
O protagonista profano do Corpus, acompañado pequenos diaños, e de xigantes e cabezudos, é este dragón chamado a Coca. Tan popular é que incluso lle dá nome tamén ás propias festas do Corpos: a festa da Coca.
Representa o mal, o demo. Antigamente ía abrindo a procesión, asustando a xente, e diante do convento de Vilavella representábase a loita dun cabaleiro cristián contra este dragón, ao que acababa sempre derrotando: o ben sobre o mal, a relixión contra o demo.
A Coca e a Virxe da Gabacha
Na actualidade esta figura profana da Coca percorre a vila por separado das procesións relixiosas, pero ata hai uns anos formaba parte integrante tamén das procesións. Esta conexión, que no fondo simboliza a loita das forzas do ben e a virtude contra as forzas do mal e o pecado, aínda permanece viva nas historias e lendas que se contan pola vila. Unha delas, moi relacionada con este lugar da praza da Farola, e seguramente co propio ritual que aínda hoxe se celebra neste emprazamento recólleo Juan Migueles na súa web Anecdotario Redondelán: “Lenda da Coca e a Gabacha. Durante as festas do Corpus a procesión saíu de Vilavella en dirección á igrexa de Redondela. Ao chegar á Farola apareceu a Coca baixando de Reboreda e toda a xente botou a correr asustada. A imaxe da Virxe da Gabacha ficou no chan. A Coca, ao mirala, acercouse, parou en fronte dela e inclinouse facendo unha reverencia. Logo, deu volta e marchou por onde viñera”.
Outra información:
Durante as festas do Corpus, en Redondela represéntanse diferentes escenificacións que teñen protagonistas relixiosos e profanos: a procesión, o santo Cristo, a Virxe da Gabacha, as Penlas, a danza das espadas, a Coca, as alfombras florais…
É unha celebración que dura varios días e se desenvolve en distintos escenarios ao longo da vila.
As alfombras florais
As rúas por onde vai discorrer a procesión do Corpus Cristi adórnanse con alfombras de flores, igual que se fai tamén noutras vilas de Galicia. A noite anterior é un espectáculo digno de asistir ao momento en que a veciñanza de cada barrio participa colectivamente na súa elaboración. Verdadeiras obras de arte efémera que se rende aos pés do paso da procesión. Un paseo pola vila durante a mañá ateigará os nosos sentidos de imaxes inesquecibles destas alfombras de flores.
A danza das espadas
Acompañando a procesión van os danzantes, do antigo gremio de mareantes, que, nas paradas que realiza a procesión do Corpus por distintos lugares da vila, danzan composicións elaboradas que xa son tradicionais e coñecidas cos seus propios nomes. Unha danza branca gremial que fai as delicias das persoas asistentes pola variedade e espectacularidade das súas representacións.
Nas lendas populares estes danzantes do gremio de mariñeiros son asociados aos loitadores que coas súas espadas se enfrontaron ao dragón da Coca para liberaren a vila do tributo en doncelas que cada ano levaba consigo.
As Penlas
As Penlas son dúas meniñas vestidas de branco e con alas de anxelotes que danzan sobre dúas mulleres, denominadas “burras”, acompañando a danza das espadas. Atribúense ao gremio das panadeiras.
Nas lendas populares, representarían a celebración que as nenas de Redondela realizan ao vérense liberadas do dragón da Coca que cada ano aparecía pola vila para cobrar este tributo.