No centro desta praza destaca a fonte de Santiago. Esta artística fonte de elevada fasquía foi realizada polo canteiro Bertoldo de Xeve. Esta composta por unha base moldurada que recolle a auga dos canos en dúas pías centrais. Sobre esta base érguese un corpo prismático monumental que presenta na parte baixa as dúas saídas de auga da boca de dúas cabezas de leóns realzadas en bronce.
A continuación represéntase un relevo en pedra coa figura de Santiago Matamouros. O apóstolo vai montado no seu cabalo, decorado con todos os elementos característicos da montura (rendas, sela e estribos). O cabalo aparece en actitude de galope, coas patas dianteiras máis elevadas, a cabeza inclinada cara ao peito, e destaca tamén a súa cola, moldurada e con forma ondulante.
Santiago aparece coa vestimenta de capa e chapeu de peregrino, brandindo unha espada en alto na súa man dereita e un estandarte na súa man esquerda.
Debaixo das patas do cabalo de Santiago vemos tres figuras de mouros, caracterizados polos turbantes sobre a cabeza, dous deles con espadas, derrotados ao paso do apóstolo sobre eles.
O conxunto escultórico remata na parte superior cunha figura de gran vaso moldurado que lle proporciona unha acentuada esvelteza a toda a escultura da fonte.
Detrás da fonte esténdese un conxunto de fachadas variadas, algunhas delas gardando unha atractiva feitura de elegantes formas e decoracións.
Na zona esquerda da praza destacan dúas construcións apegadas que gardan un gran contraste entre elas: unha pequena casa mariñeira ao carón dunha gran vivenda vilega.
A casa mariñeira, composta por dúas vivendas unidas, é das poucas que aínda quedan en pé na vila. O baixo da casa presenta cadansúa entrada para as vivendas. Na parte superior destaca o característico balcón corrido sobre base de pedra moldurada. Ao balcón ábrense dúas portas nunha das vivendas e porta e xanela na outra.
Apegada a esta casa mariñeira temos un exemplo de gran vivenda vilega de varias alturas. Data de comezos do século XX. Presenta dúas fachadas con numerosos vans e xogos de balcóns. A primeira planta posúe tres balcóns pequenos nas dúas fachadas e a planta superior ten un gran balcón corrido que abrangue as dúas fachadas.