A construción desta rúa no novo ensanche da vila levou consigo tamén a edificación de novos edificios adaptados aos momentos de finais do XIX. Vivendas de nova factura que adoptaban os emerxentes estilos arquitectónicos da época: o eclecticismo, o modernismo, o rexionalismo…
Algúns deles xa desapareceron, outros sufriron transformacións ao longo dos anos e algúns conservaron o seu xenuíno sabor histórico ata a actualidade.
Ao longo deste paseo pararémonos a contemplar algúns destes exemplos de cada un dos estilos mencionados.
Como exemplo, dous edificios á altura dos números 19 e 21 da rúa. Nestes dous edificios, aínda quedan exemplos que conservan algúns trazos das construcións que decoraban as dúas fachadas con elementos que lles outorgaban unha beleza que os fai destacar sobre as demais edificacións do seu arredor.
O edificio que fai esquina ten catro balcóns con cadansúa porta, nas que a pedra que as arrodea está traballada e rematada cun lintel en arco rebaixado escarzano. Sobre esas catro portas discorre un friso con decoración xeometrizante composta de figuras semicirculares enfrontadas unidas por unha liña tanxente a ambos os semicircos que percorre todo o friso.
O edificio que está ao seu carón, no número 21, presenta unha fachada de tres alturas máis harmonizada. Na primeira planta é onde destacan tres balcóns cun elaborado forxado e tres portas adinteladas con cadanseu arco conopial. Este arco está rematado cun elemento decorativo de forma cilíndrica que contén unha flor hexapétala no seu interior.
Sobre estas tres portas discorre un friso decorado con medallóns que conteñen figuras estreladas. As dúas plantas superiores presentan balcóns corridos e portas con linteis redondeados.
O último edificio desta rúa, o edificio Royalti, merecerá un novo punto na nosa ruta para comentar con detalle as súas características ornamentais.
Por outra parte, Afonso XII é unha rúa que se caracterizou dende sempre polo seu carácter comercial, que aínda hoxe conserva en toda a súa expresión.
(imaxe interactiva)