Patrimonio cultural e lingua

Rúa de Reveriano Soutullo

Redondela, Redondela

 

A rúa leva o nome dun dos músicos máis célebres que deu Galicia para o mundo: Reveriano Soutullo (1880-1932)

Naceu circunstancialmente en Ponteareas, pero pasou os seus anos novos de vida en Redondela, onde tiña ademais a súa familia.

A súa vocación e sabenza temperá para a música demóstraa por dirixir o coro da catedral de Tui con só dezaseis anos. A partir da súa formación, a súa vida foi un continuo crecemento súa arte musical e nos recoñecementos dos que foi merecedor ao longo da súa vida. Destacou principalmente na composición de zarzuelas, entre as que inmortalizou a sempre repetida “Leyenda del beso”.

Entramos nesta rúa pola antiga porta do Ribeiro (cando a vila estaba amurallada) e era unha das arterias interiores do burgo amurallado. Durante aquela época histórica, había unha porta en cada extremo da rúa: unha delas daba á antiga praza do Estaleiro (hoxe praza da Constitución).

A outra porta daba á actual praza de Alejandro Otero, a través da vella porta do Ribeiro, denominada así seguramente por embocar directamente na ponte que marchaba cara a Vilavella e posteriormente ás terras do Ribeiro, que tanto comercio de viño mantiñan entre o interior e as vilas da costa. Curiosamente o nome das dúas portas expresan claramente esta conexión: a porta do estaleiro, que dá ao porto de Redondela e ao mar, e a porta do Ribeiro, que miraba ás terras vitivinícolas  do interior de Galicia.

Ao longo desta rúa iremos comentando algunhas das casas singulares que atoparemos durante o noso paseo. Destaca a exuberancia da pedra que domina todos os espazos e a vista interminable dos tradicionais balcóns corridos que enchen as fachadas das casas da vila de Redondela.

Detalle da rúa de Reveriano Soutullo

FONTE DE INFORMACIÓN

Galipedia

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural