Patrimonio cultural e lingua

Santa Clara: unha paisaxe industrial de Vigo fronte a unha identidade do baleiro

18 de xuño de 2026

Hai lugares que son memoria viva colectiva do desenvolvemento e riqueza industrial dunha zona ou comarca. O Grupo de Empresas Álvarez coa súa fábrica de Santa Clara, na parroquia viguesa de Cabral, é un deles.

Cando esas industrias deixan de funcionar tamén deixan unha marca imborrable e insubstituíble para as xeracións que coñeceron tanto o seu esplendor como a súa decadencia. Pero a súa desaparición non debería representar en ningún caso o borrado absoluto da súa existencia, da paisaxe industrial que formou parte dese territorio. E ese borrado ata as raíces é o que pode ocorrer coa empresa de Santa Clara coa construción dunha gran urbanización no lugar que ocupa na actualidade.

Pola contra, hai exemplos ben preto de Vigo que amosan unha sensibilidade completamente diferente. A fábrica téxtil de Regojo, en Redondela, tamén viviu todo ese proceso de nacemento, esplendor e desaparición, ata proxectar unha urbanización de vivendas no lugar que antes ocupou esta industria. Pero deixouse un testemuño vivo para as vindeiras xeracións do que alí existiu e tanta vida lle deu a Redondela e a súa comarca durante unha boa parte do século XX: a cheminea da fábrica. A urbanización organizouse en torno a unha gran praza presidida por esa cheminea e un espazo de interpretación ao seu arredor con paneis explicativos para que quedase memoria imborrable da existencia desta industria tan representativa de Redondela.

Isto mesmo é o que se podería levar a cabo nos terreos que ocupaba Santa Clara, en Vigo: desenvolver un proxecto urbanístico que inluíse a preservación de, cando menos, dous elementos icónicos desta industria de louza: a cheminea histórica e a fachada co logotipo da marca Santa Clara no alto, pertencente ao estilo do racionalismo industrial. Ao seu arredor, expoñeríanse elementos museísticos con exemplos da cerámica que alí se produciu, imaxes do seu interior e das persoas que nela traballaron, que se poderían dispoñer como museo ao aire libre nunha gran praza central da urbanización.

Se o soar de Santa Clara se converte en puro desenvolvemento inmobiliario, se non queda nin o rastro dunha fachada ou a sombra dunha cheminea que conte a nosa historia, estaremos enviando a mensaxe máis devastadora posible: que aquí, durante décadas, non pasou nada; que o traballo, a loita e a creación de miles de persoas que foron a alma de Álvarez non teñen lugar na memoria e no futuro deste pobo.

Temos sobrados exemplos en Galicia de preservación de chemineas industriais como testemuños da memoria histórica do que foron eses lugares. 

Sen saírmos de Vigo, consérvase a cheminea do antigo matadoiro de Alcabre, hoxe en día incorporada ao actual Museo do Mar de Galicia. En Teis, unha cheminea cuadrangular pertencente á factoría de conservas Garavilla. E en Guixar conservamos dúas chemineas pertencentes á antiga fábrica de xabóns La Iberia Gallega.

Algúns exemplos que podemos atopar por Galicia van desde as chemineas das antigas fábricas de cerámica Santa Tecla e El Progreso, na Guarda, pasando polas impoñentes chemineas mineiras da Pontenova, ou as chemineas que as antigas industrias conserveiras mantiveron en concellos como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cangas ou Redondela.

Tamén se conservan as chemineas dos antigos aserradoiros de Rianxo, Boiro, As Neves, O Rosal ou de Serrerías Miño, na Guarda. Así como a cheminea da antiga fábrica de luz da Pobra do Caramiñal ou a antiga fábrica de tellas de Nigrán.

Fronte ao concello de Vigo, Cangas conseva tres espléndidos exemplos de conservación de chemineas históricas: a cheminea da antiga conserveira, a da antiga factoría baleeira e a de Massó, con 40 metros de altura.

Unha cidade que substitúe a súa historia por bloques de vivendas idénticos aos de calquera outro punto do mapa é unha cidade que se está a borrar a si mesma do mapa da identidade e da súa historia.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural