Patrimonio cultural e lingua

Torres Agrelo: Cando o patrimonio é tratado como un estorbo

5 de maio de 2026

O que moitos viñamos advertindo, por desgraza, finalmente ocorreu. As pedras, por moi fortes e históricas que sexan, non soportan a agresión continuada. O monólito dereito que enmarca a entrada histórica do Pazo de Torres Agrelo, aquel que portaba con orgullo a inscrición “AGRELO”, acaba de ser gravemente mutilado. Un vehículo pesado, un deses grandes camións industriais que a diario transitan cara aos lugares do Coto e Reboreda por unha vía a todas luces estreita para eles, acabou por esnaquizar e derrubar toda a súa parte superior.
Non estamos a falar duns piares calquera nin dun simple adorno viario. O Pazo de Torres Agrelo, mandado construír en 1865 polo Mariscal Leoncio Rubín de Celis, forma parte indisoluble da nosa memoria colectiva. É un conxunto monumental que albergou a figuras como o presidente do Congreso, Cristino Martos, que foi propiedade de persoeiros clave no desenvolvemento industrial da bisbarra e que mesmo serviu como refuxio na Guerra Civil e hospital militar durante a Segunda Guerra Mundial.


Con todo, a realidade actual é que estes monólitos ameados son tratados como un vulgar estorbo. Os continuos impactos aos que se ven sometidos por parte de vehículos que carecen de espazo físico para manobrar nesta estreita estrada xa non só representan un atentado intolerable contra o noso patrimonio cultural, senón que se converteron nun perigo inminente e real para a seguridade pública. O desprazamento e caída destes enormes e pesados bloques de granito cara á calzada é unha ameaza constante. Un novo impacto podería provocar o derrubo total das estruturas sobre un coche ou un peón. Non podemos, baixo ningún concepto, agardar a que ocorra unha desgraza persoal para empezar a tomar decisións.
E o máis frustrante de todo isto é que a solución é técnica e historicamente doada. Non esquezamos un detalle fundamental que demostra a viabilidade de actuar xa: cando se construíu o trazado do AVE nas inmediacións, estes mesmos monólitos foron desmontados sen maior problema para facilitar o paso da maquinaria pesada cara ás obras. A miopía daquel momento fixo que fosen voltos a montar exactamente no mesmo e estreito lugar, perdendo unha oportunidade de ouro para separalos. Pero aquel episodio é hoxe a proba irrefutable de que a operación de traslado é completamente factible, rutineira e doada de executar.


A alternativa definitiva está doada, a escasos cen metros. A nosa proposta pasa polo traslado inmediato e coidadoso de ambos os dous monólitos para a entrada da estrada que conduce directamente ao recinto do Pazo de Torres Agrelo. Este novo emprazamento conta cunha anchura de sobra, apenas rexistra tráfico de vehículos e é o camiño natural e directo cara á propiedade. Alí estarían a salvo de calquera agresión, non suporían risco ningún para a veciñanza e recuperarían a dignidade da súa función orixinal.
Chegados a este punto crítico, o Concello de Redondela ten nas súas mans a oportunidade de converterse no gran valedor do noso patrimonio. A administración local debe dar un paso á fronte de inmediato, liderando as xestións precisas para identificar os responsables deste último estrago e, sobre todo, iniciando con carácter de máxima urxencia os trámites para executar o traslado.
O patrimonio cultural non é un obstáculo que se poida ir esnaquizando a golpes de camión e maquinaria industrial ata a súa definitiva desaparición. É o momento de que as institucións sumen esforzos e actúen de forma urxente e decidida.
Nas imaxes 1, 2 e 3vese o estado deteriorado antes da última agresión. Nas imaxes 4 e 5 vese como quedaron despois da última agresión desta mesma semana 4 de marzo de 2023.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural