Patrimonio cultural e lingua

Viaduto de Ourense

Redondela, Redondela

 VILA DOS VIADUTOS

Grazas ás dúas pontes ferroviarias que a atravesan, Redondela é coñecida como a “vila dos viadutos”, e son as dúas principais iconas que identifican a vila de Redondela.

É importante decatarse de que estas dúas pontes atravesan o val formado pola denominada depresión meridiana, que atravesa Galicia de Sur a Norte, e Redondela queda no fondo desa depresión e as pontes atravesan a depresión meridiana perpendicularmente dun lado ao outro.

CONSTRUCIÓN

Está realizada cunha armazón laminada de celosía metálica.

Estas pezas foron fabricadas en Francia.

O arquitecto Augusto Cazaux foi o encargado de dirixir a construción da obra, e o contratista director da obra foi o Sr. Odriozola. A obra foi realizada pola francesa Compagnie des Fives Lilles.

ABANDONO

Esta ponte deixou de empregarse en 1967 debido ao desnivel que existía no trazado con respecto ao túnel dos Valos, o que provocaba incidentes. A pendente recomendada era do 1%, e este trazado tiña pendentes de ata o 1,7 %, case o dobre.

Para salvar este desnivel, construÍuse un trazado alternativo paralelo ao río Maceiras polas parroquias de Cedeira e Negros, o que trouxo consigo, tamén, a construción dun novo viaduto na parroquia de Saxamonde con 10 arcadas e 150 metros de lonxitude, antes da entrada no túnel.

Viaduto de Saxamonde

Este novo trazado foi a orixe do peche da antiga estación de Redondela e a creación da nova estación que temos na actualidade, máis afastada da vila ca a anterior.


REHABILITACIÓN

O abandono da ponte levou á súa deterioración, mesmo con desprendementos dalgúns elementos nalgunha ocasión. Isto deu orixe a un proxecto de restauración, xa case completado, que pode chegar a transformarse nun lugar de paseo peonil e miradoiro sobre a vila.


PEDRO FLORIANI

Pedro Floriani e a súa dona
Existen varios episodios de infausto recordo sobre os subcontratistas que se arruinaron durante a construción desta liña férrea por non cobraren os seus traballos. O máis coñecido, e que chega ata a actualidade rodeado dun halo de traxedia, foi Pedro Floriani, de quen circulan varias versións sobre o seu infortunado destino final. Unhas fontes afirman que, tras a súa ruína, tivo que mendigar para sobrevivir, e outras fontes, afirman que chegou a guindarse dende a ponte que el mesmo contribuíra a construír.
ANÉCDOTAS

Aínda que o acceso á ponte estivo prohibido desde sempre, en 1927 a xente enchía esta ponte para ver, desde esta altura, os encontros de fútbol que se xogaban no campo de Petán. Mesmo facían parar os trens que non daban pasado coas aglomeracións.


Despois da Guerra Civil, o tren que proviña de Portugal traía material de estraperlo. Ao chegar á entrada da ponte, aproveitando a minoración da marcha, descargábase todo ese estraperlo, que era inmediatamente recollido na beira da vía.


Na actualidade aínda non conta coa catalogación de ben e interese cultural (BIC).

FONTES DE INFORMACIÓN

Anecdotario Redondelán

Ministerio de Fomento

Facebook

Por Galicia Abaixo

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural