.jpg)
Esta ponte ferroviaria está sobre o río das Preiras, na divisoria entre as parroquias de Negros e Saxamonde.
Consta de 10 arcos e unha lonxitude duns 150 m. entrou en funcionamento en 1967.
Forma parte dun novo trazado que houbo que construír como alternativa á antiga liña que discorría pola outra beira do val. Esa antiga vía proviña tamén de Redondela e atravesaba o gran viaduto que sobrevoa a vila e que fora inaugurado en 1881.

Este antigo viaduto deixou de empregarse en 1967 debido ao desnivel que existía no trazado con respecto ao túnel dos Valos, o que provocaba incidentes. A pendente recomendada era do 1%, e este trazado tiña pendentes de ata o 1,7 %, case o dobre.

Para salvar este desnivel, construíuse un trazado alternativo paralelo ao río Maceiras polas parroquias de Cedeira e Negros, o que trouxo consigo, tamén, a construción deste novo viaduto na parroquia de Saxamonde con 10 arcadas e 150 metros de lonxitude, antes da entrada no túnel.

Este novo trazado foi tamén a orixe do peche da antiga estación de Redondela e a creación da estación que temos na actualidade, máis afastada da vila ca a anterior.