O Camiño de Santiago vai atravesando todo este lugar de Zacande, primeiro estreitándose entre casas e despois ofrecéndonos á visión máis aberta de terras de cultivo, vivendas espalladas e unha zona de bosque contra o seu final.
Cara a occidente temos o barrio lindeiro de Catapeixe e á súa dereita o de San Pedro, onde se sitúa a igrexa parroquial de Cesantes co seu extraordinario miradoiro sobre a ría.
Estes dous barrios forman un conxunto continuado, máis numeroso e mesto de vivendas ao longo da estrada que comunica a vila de Redondela co alto de Cesantes.
Ante nós, temos terras de cultivos hortícolas, pradarías, viñedos e vivendas espalladas por todo esta valgada.
O conxunto destas leiras que temos á nosa vista son unha representación do que é o minifundio galego e dos usos que se lle dan. Este tipo de repartición hereditaria tradicional das propiedades foi creando ao longo dos séculos uns terreos tan reducidos que non producían máis que para unha economía agrícola de supervivencia familiar. Propiedades que cada vez que son subdivididas entre os fillos perden valor, tanto económico como de produción alimentaria.
Nestas pequenas veigas ou leiras aprovéitase cada centímetro de terra para sacarlle o máximo posible. Plántase unha gran variedade de produtos agrícolas que representan unha boa contribución anual á economía familiar destinada á alimentación.
As patacas, base da nosa cociña, e o millo (no seu momento para a fabricación do pan da casa e a forraxe dos animais) foron os máis representativos destes minifundios familiares. O retroceso das plantacións de millo, debido a que xa non se fai o pan na casa coma antano e a diminución progresiva dos animais de campo na vivenda, fixo que fose substituído por outras plantacións propias da horta (verduras, tomates, pementos, legumes etc.). A todos estes cultivos hai que sumar o sempre presente viñedo, que proporciona o viño para a casa en cada mesa para o xantar.
As terras que temos ante a nosa vista reciben dúas denominacións toponímicas: campos da Veiga Longa, diante de nós, e da Bouza Fría, máis á dereita. Os dous topónimos fan referencia á terra (Veiga ‘horta’, Bouza ‘terreo sen cultuvar”) e ás súas características (Longa, Fría). O adxectivo coa característica de “frío” tamén aparece noutros topónimos de Galicia como Fontefría ou Augafría (todo xunto ou separado en dúas palabras).
Neste sentido, algo sobre o que tamén podemos chamar a atención é a gran cantidade de nomes de lugar que temos ao noso arredor nun pequeno espazo xeográfico. Ante a variedade e diversidade da nosa xeografía, con montes, vales, camiños, ríos, propiedades… os topónimos funcionan como precisos xeolocalizadores na paisaxe.