Patrimonio cultural e lingua

Capela de Santa Mariña

Redondela, Redondela

 FACHADA

Podemos apreciar unha típica portada de estilo barroco con catro columnas estriadas embebidas na fachada, xa que forman parte do muro da propia fachada e apenas sobresaen dela. 

Estas columnas rematan en capiteis corintios floreados, con tres follas cada un.

Sobre a porta, de arco rebaixado chamado escarzano, destaca un rosetón de catro pétalos.

Por encima deste rosetón atravesa unha cornixa da que arranca un frontón curvo partido rematado en volutas, con forma espiral. 

No centro do frontón hai un nicho baleiro que xa forma parte do arranque da torre do campanario.

A torre termina nunha cúpula. Sobre a cúpula sobresae un fermoso pináculo con base cuadrangular e remate esférico.

Na parte dereita da fachada atoparemos un reloxo de sol.

INTERIOR DA CAPELA

O interior presenta dous elementos principais: un coro elevado sobre a porta de entrada principal e un retablo no altar maior.

O retablo está estruturado en dous pisos, un ático superior e cinco rúas verticais. 

O primeiro piso está exento de elementos decorativos, sacado as bases das columnas que hai nas tres entrerrúas.

No segundo piso a primeira e quinta rúas, nos extremos, teñen como decoración cadanseu debuxo rectangular vertical.

Na segunda rúa represéntase a Santa Lucía, realizada en talla de madeira. Entre os atributos propios desta santa, porta unha espada sobre o peito empuñada na man esquerda (alusivo ao martirio que sufriu, no que lle cravaron a espada na gorxa e decapitaron) e unha bandexa na man dereita na que porta os seus ollos. Lembremos que esta santa, nacida en Sicilia, é a protectora da vista e patroa das persoas cegas. Os seus ollos fóronlle arrancados durante o seu martirio, e, segundo as lendas asociadas, Deus fixo que continuase vendo aínda sen ollos, ou que Deus lle proporcionou inmediatamente despois uns novos ollos, devolvéndolle a vista. 

Na terceira rúa está a imaxe da Virxe das Angustias, en talla de pasta de madeira representando unha Piedade. Unha das escenas máis representadas e artísticas da historia da escultura relixiosa. A Virxe está sentada sostendo o seu fillo morto no colo despois de ser baixado da cruz, antes do seu enterro no santo sepulcro. Como é habitual en moitas destas representacións, a Virxe mantén un rostro sereno e resignado ante o sacrificio voluntario e consciente do seu fillo. Nesta Piedade, María ten un rostro de nai xa adulta, envolveita en dous mantos: o branco da pureza sobre a súa cabeza e o negro da dor e o loito pola morte do seu fillo cubrindo o resto do seu corpo. A figura de Xesús aparece xacente, coa lograda contorsión dun corpo sen vida sobre o regazo da súa nai, con todos os estigmas da paixón sobre o seu corpo, 

Na cuarta rúa aparece representada Santa Mariña, advocación desta capela. Unha das representacións cristianizadas máis frecuente na relixiosidade galaica. Para antropólogos como Rafael Quintía sería a cristianización de antigas deusas do panteón galaico vinculadas coas augas, como neste caso, ao estar o seu santuario apegado ás augas da antiga marisma e unha fonte con tradición de augas curadoras na súa proximidade. Neste sentido, resulta curioso que nesta capela se celebre a festividade da Virxe das Angustias a finais de agosto, pero que non se celebre a festividade de Santa Maríña, advocación propia deste templo.  

As entrerrúas do primeiro piso están formadas polos baseamentos das columnas que continúan no segundo piso.

As entrerrúas do segundo piso están decoradas con columnas rematadas en capiteis xónicos.

O esgundo piso remata cunha cornixa moldurada e decorada cun friso de pequenos dentículos en toda a súa lonxitude.

Remata o retablo na parte superior cun ático decorado nos extremos con elementos vexetais e volutas, e no centro un nicho entre dúas columnas rematado no cimo cun frontón que contén os símbolos dos catro evanxelistas: o anxo, que representa a Mateu (símbolo da humanidade do Fillo de Deus); o touro (símbolo do animal de carga, tranquilo e humilde), que representa a Lucas; o león, que representa a Marcos (símbolo de forza, realeza e coraxe); e a aguia, que representa a Xoán (que simboliza o mundo abarcado dende as alturas).

Entre as catro figuras aparece un libro aberto no que aparecen escritos os dous primeiros versos en latín do poema medieval “Stabat Mater”, que expresa o sufrimento de María ante a agonía do seu fillo:  

Stabat Mater dolorosa / iuxta crucem lacrimosa” 

(Estaba (en pé) a Nai dolorosa / xunta a cruz lacrimosa)

No interior da capela tamén podemos contemplar unha imaxe de San Roque, que aparece cos elementos iconográficos identificadores: o can, o hábito de peregrino e as chagas da peste na perna. 

Tamén hai unha pequena talla enmarcada que representa tres ánimas implorantes entre as chamas do purgatorio. 

LÍMITE PARROQUIAL

Ata 1904 a capela pertenceu á parroquia de Cesantes; nese ano incorporouse á parroquia de Vilanova de Redondela. Dende entón, o límite parroquial desprazouse para o cruceiro das Angustias, situado a douscentos metros, ao carón  da gasolineira.

Por diante desta capela pasaba o antigo Camiño Real que proviña da vila e que discorría polo barrio da Farrapada. e continuaba cara a Cesantes, Ponte Sampaio etc.

CELEBRACIÓN

A festividade das Angustias celébrase o 31 de agosto. A devoción que se lle profesa a esta virxe reúne milleiros de fieis que percorren as rúas de Redondela nunha longa procesión. Son moi abundantes os ofrecementos e os exvotos á virxe das Angustias.

Outros dous santos con gran devoción presentes no interior da capela son san Roque e santa Lucía.

Arredor da capela aínda se poden observar casas vilegas e mariñeiras, algunhas en ruína.

Á esquerda da capela podemos observar un dos máis entrañables exemplares de vivienda antiga.

CRUCEIRO DAS ANGUSTIAS OU DE SANTA MARIÑA

Ata os anos 60 as procesións das Angustias e de San Roque ían ata un fermoso cruceiro que está a douscentos metros, xunta a gasolineira. Na cruz aparece Cristo e a Virxe das Angustias sentada co fillo morto no colo.

Este cruceiro é idéntico ao cruceiro de Vilavella, que imos visitar durante este percorrido.

DIVISORIA DE PARROQUIAS

Pola beira da igrexa discorría o rego de Santa Mariña, que dividía as parroquias de Cesantes e Vilanova de Redondela. A capela pertencía á parroquia de Cesantes, por iso as procesións máis antigas se desprazaban ata o cruceiro das Angustias, que está situado ao carón da gasolineira.  Isto tivo lugar ata os anos sesenta do século pasado, a pesar de que a capela xa fora incorporada á parroquia de Vilanova de Redondela en 1904.

OS LEPROSOS

No monte do Cuco, a medio quilómetro desta capela, no lugar denominado Costa da Forca, existiu unha leprosaría. As persoas que alí estaban confinadas por esa enfermidade descendían en grupo a escoitar misa, no día sinalado, á capela de Santa Mariña e lavarse na fonte do Mouro, situada moi preto da capela, xa que as súas augas tiñan sona de posuíren propiedades curadoras. A misa escoitábana desde detrás das reixas dunha casiña que esta ao carón da capela.

CRÓNICA DE 1910

No semanario “La Idea” aparece unha crónica do 4 de setembro, posterior á celebración da festividade dese ano da que recollemos un fermoso extracto:

“”Por la carretera, en un largo trayecto, se habían levantado algunas arcadas, que se adornaron con banderitas, De aquéllas pendían por la noche innumerables farolillos de papel, resultando sorprendente el efecto por la variedad de sus colores.

“A propósito de la capilla, u volviendo a otros tiempos, tengo que decirte algo, querido Choqueiriño. Esta fue reedificada, mejor dicho, construída de nuevo, el año 1871.

“Antes era en superficie la mitad de la de hoy, y tenía hacia la carretera un cobertizo techado de paja, donde las comadres del barrio se reunían para despellejar, con las agravantes de alevosía y nocturnidad, a los pacíficos vecinos, que ignoraban que se les guardasen tan ‘buenas ausencias’.

“Y remontándome a la historia, aún agregaré unos datos más. En el Monte del Cuco y sitio llamado Costa da Forca, había en otros tiempos un hospitalillo para los alenfacíacos [leprosos]. Estos oían misa desde una casa de planta baja que había frente a la capilla, que tenía hacia la calle una ancha reja, u para llegar aquellos hasta allí, venían acompañados de una persona que tocaba una bocina para que la demás gente se retirase.”

Fontes de información:

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural